Oficios | As mariscadoras a pé

As mariscadoras a pé

Hai constancia de que o marisqueo se practica na ría de Muros e Noia dende a Prehistoria. É un oficio que se mantén ao longo de moitos séculos con moi poucos cambios. A imaxe de MARISCADORAS sachando a area na procura de bivalvos é cotiá na nosa Ría, dende tempos esquecidos ate a actualidade.

Estas mulleres fóronse facendo auténticas especialistas

Tradicionalmente este oficio era desempeñado por mulleres, pois concibíase coma un suplemento da economía e do alimento da familia; era unha actividade libre e que non ocupaba todo o día, nin todo o ano, polo que tamén se entendía idónea para compatibilizar co coidado da familia. Na actualidade, e a partir da década dos sesenta do século XX, esta situación laboral foi trocando, pouco a pouco, pero de xeito significativo. O oficio de mariscar pasa a estar regulado, recoñecido e valorado. Aparece a figura masculina desenvolvendo este traballo, mais a maioría seguen a ser mulleres. Trocaron as ferramentas de traballo e a vestimenta, outrora só se empregaban as mans ou sachos pequenos, e non había unha indumentaria específica, roupa de diario e case de cote descalzas; hoxe normalmente visten traxes de neopreno e traballan con ganchas, co que se libran de estar molladas e anicadas tantas horas, facilitándolle o seu traballo e aliviándoas de certas enfermidades que lles eran comúns, aínda que tamén apareceron outras novas. Trocaron, así mesmo, a comercialización do produto, antes regateando o prezo a nivel individual con cada comprador ou compradora e agora todo por medio das confrarías e as lonxas; e tamén a xornada laboral, antigamente só se ía mariscar na baixada da marea en épocas de mareas vivas, hoxe trabállase tódolos días laborais, no horario estipulado nos Plans de explotación. Estas mulleres fóronse facendo auténticas especialistas no cultivo, extracción comercialización e xestión dun recurso sempre ben valorado na nosa Ría, tentando manter esta actividade dun xeito artesanal e sostible. Agora mesmo estase a loitar para que a CULTURA DO MARISQUEO NA RÍA DE MUROS E NOIA sexa recoñecida coma Patrimonio Cultural Inmaterial pola UNESCO.

Os produtos estrela do Marisqueo na nosa Ría son o berberecho e a ameixa, mais o PERMISO DE MARISCADORA tamén habilita para extraer outros, orola, peneiras, caramuxa e tamén para RECOLECTAR MEXILLA. Estes traballos poden compatibilizarse ou desenvolverse de xeito alternativo, segundo os Plans de explotación de cada momento.