Oficios | As cargadoras

As cargadoras

O traballo de CARGA E DESCARGA DE BARCOS era a miúdo realizado por Mulleres, nas fábricas de salga, cargaban e descargaban, normalmente en patelas que portaban na cabeza, o sal e a sardiña; nos peiraos eran elas, na meirande parte dos casos, as encargadas de descargar o peixe e marisco das embarcacións para posteriormente seleccionalo e comercializalo; mais neste oficio nós imos centrarnos na recompilación de información realizada polo presidente da ASOCIACIÓN DE VECIÑOS A OSTREIRA DE ABELLEIRA, que nos sorprendeu cun Oficio, duro e moi pouco coñecido, o das CARGADORAS, TRABALLADORAS DO SERRADOIRO DE SURRIBOS, que foron protagonistas nunha época desta parroquia de Muros; e ás que imos dedicar este primeiro capítulo da Muller, os Oficios do Mar e o Camiño.

Os seus ombreiros e cabeza eran suficientes para mover todo o serradoiro e máis.

“Antes que a memoria esqueza…está na miña intención render unha merecida homenaxe a un grupo de mulleres, protagonistas de numerosas penurias. Unha xente esforzada da que poucos se lembran.

Esta historia acontece arredor do ano 1955. O serradoiro tiña un galeón, o Adelino Manuel, chamado na parroquia Precioso, que se afundiu en Muros o 20 de febreiro de 1956. O serradoiro era de dimensións pequenas. Non contaba con ningún tipo de maquinaria, non sendo a serra. Polo que se ve non a necesitaba, a man de obra feminina era moi barata.

As mulleres facían traballos de homes por un salario de 8 pesetas, sen ningún tipo de seguro, carecían de calquera tipo de aparello para facilitarlle o seu labor.

Os seus ombreiros e cabeza eran suficientes para mover todo o serradoiro e máis.

Vestían unha farrapenta indumentaria de traballo, feita de retrincos, tiñan tanta resina enriba que estaba tesa, mal calzadas, ou descalzas. Mal alimentadas, recibían decote insultos e malos modos.

Ás veces as pesadas rollas de piñeiro estaban a 100 metros, cunha palicorda, entre 6, levaban as rollas á serra. De contado comezaban a saír táboas que había que encastelar na explanada.

Tamén había que cargar e descargar o galeón, cargábase leña para descargar na praia da Rocha, para as panadeiras da zona. Ou cargábase tablilla para cargar noutro barco que se atopaba en Muros. Máis duro era descargar a rolla de piñeiro que embarcaran na praia de Esteiro ou Carnota. Cargaba 12 toneladas.

Ás veces o galeón ía a Dena, a por tellas, que chegaban molladas e pesaban moito, tendo que pasar coa carga por riba dunha táboa.

A descarga do galeón ás veces producíase na praia e alí dependíase da marea, collas de mulleres cunha man presta para soster a tina que levaban na cabeza protexida polo mulido e a outra arremangándose a saía.